Pontevedra mostra en setembro os principais desafíos do emprendemento e a dixitalización

xoves, 1 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Marcelo Toural nunha imaxe da IFFE Business School

As entidades pontevedresas AEMPE, AJE Pontevedra e Cámara de Comercio van organizar á volta do verán, no marco da feira Pont-Up Store (sexta edición), un máis que relevante almorzo de traballo sobre novos xeitos de crear unha empresa e, tamén, sobre as ferramentas tecnolóxicas que teremos que dominar para garantir o éxito da nosa iniciativa. O almorzo Os novos camiños do emprendemento celebrarase o sábado 21 de setembro.
Ao seu abeiro, os asistentes poderán coñecer os novos desafíos do mercado a través dunha serie de pílulas informativas achegadas por Marcelo Toural (O marketing móbil que vén para quedarse) e Diana Fernández (A internacionalización das PEMES e micro-pemes como panca de crecemento).
Marcelo Toural (Krack Zapaterías) é o director executivo de Krack Co, un grupo galego que xestiona preto de 50 tendas de calzado das insignias Krack, Bross, Geox, Clarks e Pikolinos, e a tenda en liña krackonline.com. Así mesmo, é socio fundador da firma de consultoría G3M Operational Consulting, especializada na mellora e optimización de operacións e vendas en empresas , e de tupsicologateescucha.es, unha web de atención psicolóxica domiciliaria.
Marcelo Toural, que ao longo da súa traxectoria profesional traballou en compañías multinacionais como Atos Consulting, Accenture e Roberto Verino, é enxeñeiro industrial pola Universidade de Vigo e executive-MBA polo Instituto de Empresa, Posgrao en Loxística pola Universidade de Vigo e o Centro Español de Loxística.
Pola súa banda, Diana Fernandez Soutullo, é experta en internacionalización de empresas e especialista en dereito das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), protección de datos e propiedade intelectual e industrial. Apaixonada pola internacionalización con éxito das empresas, nos últimos cinco anos implantou sociedades en máis de 30 países (Kenia, Kazahstan, Portugal, Dubai, Australia…). Amais, traballou para o sector público en materia de sanidade e para o sector privado no sector do turismo de saúde e do mundo dixital internacional.
O evento realizarase na praza de España (espazo central) e terá una duración aproximada de hora e media.

PUBLICIDADE