Popular TV convértese en Popular Mariavisión

venres, 30 de abril do 2010 Marcus Fernández

Emilio Burillo Azcárraga collerá o mando da canle de televisión renovada do Grupo COPE

Popular TV, a canle televisiva do Grupo COPE e adxudicataria dunha licenza de Televisión Dixital Terrestre de ámbito autonómico en Galicia, pasará a chamarse o día 1 de maio Popular Mariavisión coma resultado da entrada de Producciones Apóstol Santiago no capital social da empresa.
Esta operación non cambiará só a identidade visual e a marca da canle, senón que tamén supón a entrada do mexicano Emilio Burillo Azcárraga coma presidente e conselleiro delegado de Iniciativas Radiofónicas e de Televisión S.L., empresa que xestiona esta canle de televisión que procura achegarse a un público familiar.
Nas vindeiras semanas irá estreando novos contidos de programación, pero mantendo os seus programas informativos, o espazo de análise La Lupa e a programación relacionada co cine (Más Cine por favor e Pantalla Grande).
Popular Mariavisión distribuirá a súa programación en franxas horarias adaptadas a distintos títulos de público, de xeito que de 8:00 a 11:45 horas enfocarase ás mulleres, de 19:00 a 20:15 horas aos mozos, de 20:30 a 21:00 aos cativos e de 22:00 a 23:30 horas aos adultos.

PUBLICIDADE