Por fin pode mercarse dende España o BlackBerry KEY2LE

mércores, 31 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A finais do mes de agosto BlackBerry anunciou unha versión económica do seu smartphone KEY2, e dado que o terminal orixinal aínda non chegara a España semellaba que teriamos que agardar bastante pola súa versión LE, de aí que fose toda unha sorpresa que xa estea dispoñible en liña a nivel europeo.
O BlackBerry KEY2LE na súa versión con 32 GB de almacenamento ten un prezo de 399 euros, mentres que a versión con 64 GB de capacidade véndese a 429 euros, prezos moito máis asumibles que o BlackBerry KEY2, que custa 649 euros con 64 GB e 699 euros con 128 GB, o que resulta excesivo para un equipo cunhas prestacións propias da gama media.
A versión económica chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 836, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB que poden cambiarse en quente), pantalla de 4,5 polgadas (cunha resolución de 1.620 x 1.080 píxeles), cámara traseira dual de 13 + 5 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, radio FM, batería de 3.000 mAh con carga rápida por USB-C e un teclado físico QWERTY que integra un lector de pegadas dixitais. Un produto moi atractivo para os incondicionais dos clásicos smartphones de BlackBerry, que por fin pode adquirirse dende España.

PUBLICIDADE