Postulan a innovación e o talento como chaves do éxito durante o Congreso de AJE Galicia

xoves, 5 de xullo do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 112.8 KB
Durante o Congreso de AJE Galicia tivo lugar unha mesa redonda dirixida a emprendedores

Varios centos de empresarios e emprendedores achegáronse hoxe ao Auditorio Mar de Vigo para participar no V Congreso Internacional de AJE Galicia que este ano tiña como lema Talento Creativo en Rede, e que contou con relatores estrela como o produtor musical Carlos Jean e Jesús Calleja (Desafío Extremo), encargados de pór a pechar as sesións de mañá e tarde respectivamente.
Aparte de varios relatorios da man de profesionais recoñecidos como Manual Rivas (Nea), Manuel Fontaiña Troitiño (Azteca Ingeniería), Miguel Silva (Blusens), Manuel Montes (Dnet), Natalia Fernández Laviada (Fraternidad Muprespa) e Pablo Louro Carballeira (Gadisa), durante a mañá tamén tivo lugar unha mesa redonda na que Miguel Fidalgo (IGAPE), Ignacio Aguado (ENISA), Ignacio Armesto (Universidade de Vigo), Patricia García (AJE Galicia) e autoridades do Concello e da Zona Franca de Vigo coincidiron en apuntalar o emprendemento dos novos como elemento imprescindible para saír da crise, aproveitando a ocasión o responsable de ENISA para orientar aos emprendedores presentes sobre as posibilidades de financiamento que ofrece a súa entidade.

JPEG - 126 KB
Carlos Jean amenizou o xantar do Congreso cunha sesión DJ

Para rematar a mañá por todo o alto, o ferrolán Carlos Jean expuxo as chaves sobre a Innovación e a Creatividade 2.0 explicando os proxectos nos que se veu involucrado nos últimos anos (como El Plan B e a Music Experience), revolucionando o mundo da música mediante o uso da Internet e potenciando a creación colaborativa, o que funcionou moito mellor do que pretendían no inicio, de aí que Jean instase aos presentes a trasladar a súa fórmula a outros ámbitos máis aló da creación cultural, pois existen numerosas oportunidades de negocio que poden xurdir ao reinventar modelos tradicionais grazas ao uso das TIC.
Aparte deste chamamento á innovación no sector empresarial, Carlos Jean tamén amenizou o xantar deste encontro cunha sesión DJ que captou poderosamente a atención dos presentes, que puideron ver ao produtor musical en acción.
A tarde do Congreso comezou máis pausada, cuns obradoiros sobre emprendemento e networking, unha pouco ortodoxa conversa entre Pili Rodríguez (fundadora de Pili Carrera) e Richard Taunton e un relatorio de Javier Balbín (Banco Sabadell) que serviron de prólogo para un man a man dos blogueiros Javier Pedreira Wicho (Microsiervos) e Eduardo Arcos (Hipertextual), que aínda que viñan a falar do futuro das comunicacións na Internet, remataron falando do uso que deben facer as empresas das redes sociais, lembrando algunhas populares crises de reputación que deron moito que falar no seu momento (e son exemplo bastante ilustrativos dos erros que non deben cometerse na Rede) e destacando tamén algúns exemplos de bo facer, entre os que estaba o do operador de telecomunicacións R.

JPEG - 244.2 KB
Como exemplo de boa práctica en redes sociais Wicho</Em> destacou o caso de R

Non deixaron de destacar o contraste que se produce en moitas grandes empresas, que dan un excelente servizo de atención ao cliente en plataformas como Twitter, para ignorar aos seus clientes no mundo real.
O peche formal da xornada chegaría cun relatorio de Jesús Calleja, que narrou a súa experiencia co programa de televisión Desafío Extremo, empregando as súas anécdotas como exemplo de aproveitamento de recursos para cumprir os obxectivos fixados, dando a entender que a determinación é fundamental para o éxito, resultando moito máis determinante que os medios dispoñibles para chegar a tal fin.

JPEG - 59.8 KB
Jesús Calleja explicou a súa experiencia en Desafío Extremo a xeito de exemplo de determinación á hora de acadar obxectivos

O humor e a orixinalidade da proposta de Calleja pretendía animar aos empresarios presentes a esforzarse por superar as súas metas, sen esquecer os malos momentos que hai que enfrontar para poder seguir adiante, describindo algúns paralelismos entre a conquista dun cumio e a actividade empresarial. Definir uns obxectivos claros, vivir o tempo presente e manter o optimismo son pezas fundamentais para o éxito segundo este aventureiro que conseguiu conectar co público no auditorio vigués no que sen dúbida foi o broche de ouro deste primeiro día do Congreso de AJE Galicia, que mañá procurará manter o pulo con relatorios como o de Diego Mariño (Abiquo e Ducksboard) e Richard Stallman (Free Software Foundation).

JPEG - 77.8 KB
Durante a mesa redonda da mañá comentaron fontes de financiamente para emprender
JPEG - 68.2 KB
Carlos Jean insistiu na innovación como chave para renovar os vellos modelos de negocio e crear novas oportunidades
JPEG - 69.9 KB
Manuel Montes (Dnet) e Miguel Silva (Blusens) mantiveron unha orixinal conversa na que repasaron as súas traxectorias profesionais e os elementos que consideran que foron decisivos para o seu éxito

PUBLICIDADE