Preparan a remasterización do xogo de Rogue Trooper editado en 2006

martes, 28 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Este ano está a celebrarse o 40º aniversario da revista británica de banda deseñada 2000 AD, publicación na que se recollían historias de Judge Dredd, Dan Dare, Sláine e Rogue Trooper, entre moitos outros, converténdose en toda unha publicación de culto á que Rebellion vai render tributo recuperando un videoxogo de 2006 para a actual xeración de consolas e ordenadores.
Falamos de Rogue Trooper, título que inicialmente puidemos ver para Xbox, PlayStation 2 e PC (a versión para PC aínda está á venda en Steam) e que en 2009 adaptouse a Wii, e que remasterizarase para Xbox One, PlayStation 4 e PC baixo o título de Rogue Trooper Redux, de xeito que poderemos recuperar este bo xogo de acción en terceira persoa para o goce en máquinas actuais e para a actual xeración de xogadores.
Esta remasterización pode supor o descubrimento do rico universo de 2000 AD para moitos xogadores, que primeiro entrarán en contacto coa historia do soldado de pel azul que vive as súa aventuras pola devastada Terra Nu acompañado polos biochips coa personalidade dos seus compañeiros caídos en combate. É moi posible que este só sexa o primeiro de moitos xogos das marcas rexistradas de Rebellion, xa que a compañía recoñeceu estar disposta a que outras compañías poidan desenvolver xogos de personaxes como Judge Dredd ou Sláine no futuro.

Primeiro vídeo promocional de Rogue Trooper Redux

PUBLICIDADE