Preparan o iFreeTablet coma unha alternativa libre ao iPad

venres, 29 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Aproveitando a cobertura mediática que acadou o iPad de Apple, o Grupo EATCO da Universidade de Córdoba, a Fundación Rede Especial España (FREE) e a Asociación de Entidades de Tecnoloxía de Apoio para a Autonomía Persoal (AETAP) en colaboración con CPMTI S.L. e CIMA S.L. presentaron un produto na mesma liña, o iFreeTablet, baseado en software libre e apto para uso educativos profesional e lúdico por parte de calquera persoa, aínda que deseñado para que persoas con dependencia poidan utilizalo con certa facilidade.
Este ordenador ultraportátil de baixo custo con formato de tablet ten unha pantalla táctil de 10,2 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, opera cun procesador Atom N270 a 1,6 GHz, disco duro de 160 Gb, Ethernet, Wi-Fi, cámara de 1,3 Mpíxeles, 3 portos USB, saída VGA, lector de tarxetas de memoria, opción 3G, unhas medidas de 28 x 18 x 0,24 centímetros, un peso de 1,03 quilogramos e unha autonomía de 2,5 horas.
O equipo xa pode reservarse, e agardan que o seu prezo estea entre os 300 e os 400 euros, aínda que non concretan a súa data de lanzamento.

PUBLICIDADE