Preparan un mando sen fíos modular para Nintendo Switch

luns, 15 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O fabricante de accesorios para consolas de videoxogos Emio sorprendeu cun mando sen fíos para Nintendo Switch que destaca por ser modular, de xeito que os botóns no seu lateral dereito serían personalizables, adoptando as posicións e a estética dos de consolas de Nintendo de anteriores xeracións, polo que poderiamos considerar que estamos ante un mando 5-en-1 que tanto compórtase como un mando normal de Switch, como tamén pode achegarse aos mandos de Nintendo 64, NES, Super Nintendo e Gamecube.
Nos EE.UU. o produto figura a un prezo de 59,99 dólares, e aínda non sabemos se terá distribución global, pero o feito de que os botóns dereitos do mando poidan contar con posicións personalizables que repliquen as de anteriores consolas de videoxogos pode resultar moi atractivo para os usuarios que adoiten mercar xogos con aire retro ou da Consola Virtual (cando estea dispoñible para Switch).
Cómpre salientar que mudar só os botóns dereitos non supón un importante cambio ergonómico, de xeito que a experiencia de uso será moi distinta á de empregar mandos que imiten completamente aos das consolas orixinais, pero supón unha interesante opción para os que prefira a comodidade do agarre dos mandos actuais á vez que queren engadir algún toque nostálxico ás súas partidas.

JPEG - 74.5 KB
O mando de Emio conta con módulos para simular mandos de xeracións anteriores nunha sorte de Frankenstein

PUBLICIDADE