Preparan un smartphone 5G con teclado QWERTY que pode correr Android 11 ou Linux

venres, 15 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O fabricante británico Planet Computers ten unha campaña de micromecenado en Indiegogo para facer realidade no mes de marzo o Astro Slide 5G Transformer, un smartphone 5G con teclado QWERTY que pode adoptar unha forma semellante á dun mini-ordenador portátil e, de feito, non só funciona con Android 11, senón que tamén ten a opción de configurarse con arranque múltiple para poder correr tamén Linux, de xeito que podemos velo como un ordenador de peto.
Este curioso produto ten unha pantalla táctil AMOLED Full HD+ de 6,39 polgadas, procesador MediaTek Dimensity 800 (compatible con 5G), 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámara traseira de 48 Mpíxeles, cámara frontal de 13 Mpíxeles, toma para auriculares, radio FM, Bluetooth 5.1, Wi-Fi 6, NFC, lector de impresións dixitais integrado no botón de acendido, batería de 3.500 mAh con carga sen fíos de 10 watts e soporte para 2 tarxetas nano SIM e 1 eSIM. Aparte de poder cargarse por USB-C este tipo de conector tamén pode empregarse como saída de vídeo de contar co cable correspondente.
Aínda que estamos ante un tipo de produto que parecía ser cousa do pasado, parece existir un nicho de mercado para os móbiles con teclado completo (así como para ordenadores de peto), de aí que a campaña de micromecenado conte con preto de 2.600 mecenas que achegaron preto de 1,4 millóns de euros para poder facerse cun destes dispositivos que aínda poden encargarse por a partir de 491 euros, estando previsto que no verán estea dispoñible no mercado por un prezo que podería chegar aos 819 euros.

Vídeo da campaña de micromecenado

PUBLICIDADE