Presentado en Santiago o Dicionario Galego das TIC

martes, 15 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG-COETG) veñen de presentar en detalle a súa nova aposta por situar a nosa lingua nun emprazamento tecnolóxico acorde cos novos tempos dixitais, tanto os que nos atinxen hoxe como os que están por vir. Estamos a falar do primeiro Dicionario Galego das TIC (tamén chamado Digatic), iniciativa desenvolvida co apoio da Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo (a través da ETSE de Telecomunicación) e que chegou hoxe á súa posta en longo oficial no Hotel Porta do Camiño de Santiago (malia estar dispoñible na Rede dende hai días).
Por certo que no acto de presentación fixeron acto de presenza (entre outros persoeiros da política, a tecnoloxía e a cultura galegas) o presidente e o director da AETG-COETG, Ramón Bermúdez de Castro e Ricardo Fernández (respectivamente); o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela e o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro.
O obxectivo principal do desenvolvemento do dicionario, informaron os responsables das ditas entidades, é o de crear un compendio documental de referencia que abranguese os termos e definicións conceptuais que expresa o eido da Sociedade da Información en Galicia, “pondo a disposición da comunidade tecnolóxica unha ampla bagaxe de léxico técnico que faga máis doado o emprego e a difusión da lingua propia dentro do dito eido”, subliñaron.
Como xa dixemos o outro día, o dicionario recolle máis de 4.000 termos do sector das telecomunicacións que xa poden ser consultados polos usuarios a través dunha web que se prevé a primeira versión en liña do proxecto (a idea é mantelo vivo, e actualizalo de xeito constante con novas feituras, contidos e servizos).

PUBLICIDADE