Presentado un prototipo de disco duro que achega un millón de anos de vida útil

martes, 17 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Quen tivera ou teña un xiradiscos sabe ben cal é un dos materiais máis axeitados para entrar en contacto cos sucos de cada LP: o zafiro. Esta norma semella que tamén é aplicábel, agora, ao dixital. Máis polo miúdo aos discos duros, uns aparellos que aínda non deron a nota máis alta en conservación e fiabilidade pero que, en base ao emprego do dito material, si que semellan ir dando verdadeiras garantías de preservación. E tanto que é así, posto que Andra, unha empresa francesa centrada no tratamento de refugallos nucleares, vén de aplicar o seu coñecemento en cousas que duran no tempo (todo o que é nuclear estará aquí practicamente até que se acabe o mundo) para deseñar un recurso de memoria a proba de esquecementos.
A súa investigación permitiulle á empresa ter entre mans un prototipo de disco duro a base de zafiro que tería un tempo de vida útil que sobrepasaría, aínda que pareza mentira, o prazo estipulado por Novagalicia Banco para permitir a recuperación dos aforros dalgúns clientes das preferentes. Enleadas aparte, falamos de un millón de anos de vida útil. No disco duro en cuestión, os datos estarían acubillados empregando o platino. O custe do prototipo foi de 30.000 euros, ou sexa que para facernos cun exemplar, no futuro, teriamos que cumprir a dupla condición de ter cousas de moito valor para gardar (algo mellor que unha lista da compra) e de ter un bo feixe de billetes no banco para investir en tecnoloxía.

PUBLICIDADE