Presentados os avances de VINIoT, o proxecto para facer avanzar o sector do viño con Internet das Cousas e Big Data
luns, 25 de xaneiro do 2021
Os
días
pasados celebrouse telematicamente unha xornada técnica para
compartir os achados do proxecto VINIoT, unha iniciativa europea
e transfronteiriza para facer avanzar o sector do viño en materia
tecnolóxica e dixital, poñendo o foco na optimización da xestión
e a produción. Na cita participou o director da Axencia Galega da
Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos.
Este
proxecto céntrase na creación dun novo servizo tecnolóxico de
monitoraxe de viñedos. Este servizo, subliñou o director da AGACAL,
“permitirá ás pequenas e medianas empresas dun dos sectores
produtivos máis importantes da nosa comunidade, situadas dentro do
espazo SUDOE, facer seguimento das súas plantacións en tempo real,
a distancia e con diferentes niveis de precisión (uva, planta,
parcela e viñedo)”.
Segundo
engadiu, o proxecto VINIoT aborda o acceso en tempo real a medidas de
parámetros de alto interese e valor engadido para a planificación e
toma de decisións dentro do ámbito vitivinícola. “Isto é
posíbel a partir dunha rede de sensores que segue unha arquitectura
de Internet das Cousas e cuxo gran volume de información (Big
Data) é procesado con técnicas de Intelixencia Artificial para
a obtención destes parámetros”, explicou.
Esta
xornada técnica, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía
de Galicia (EVEGA), estivo especialmente dirixida a directivos,
investigadores, responsábeis de enxeñería, técnicos e outros
profesionais de produción, I+D+i, deseño e loxística.
Tamén
participaron empresas industriais relacionadas principalmente co
sector vitivinícola. Ao longo da mesma, intercambiáronse
experiencias cos participantes e debateuse sobre as necesidades e os
principais retos do sector vitivinícola.
A
iniciativa VINIoT foi financiada na terceira convocatoria
Interreg-SUDOE 2018 e conta cun orzamento de algo máis de 1,4
millóns de euros. O proxecto botou a andar en outubro de 2019 e
rematará en setembro do ano 2022. Nel participan un total de oito
beneficiarios, dos cales tres son de Galicia -Asociación de
Investigación Metalúrgica del Noroeste (AIMEN), líder do proxecto;
a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e a Fundación
Empresa-Universidad Gallega (FEUGA)-, un da Rioxa, un de Portugal e
tres de Francia.