Presentan as novas pantallas Corning Gorilla Glass 4

venres, 21 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Corning Incorporated está a presentar a nova xeración da súa tecnoloxía de pantallas resistentes, a Corning Gorilla Glass 4, que supón unha importante mellora fronte ás caídas, asegurando a compañía que é capaz presentar como mínimo o dobre de resistencia aos danos que as pantallas de aluminosilicato da competencia, segundo puideron constatar en probas de campo.
Dende Corning desenvolveron uns novos métodos para simular caídas no mundo real, e nas probas realizadas coa nova xeración de pantallas atoparon que ante caídas a un metro de altura (propia de cando cae un teléfono ao sacalo do peto) coa pantalla contra unha superficie agresiva as novas pantallas sobreviven o 80% das ocasións, o que é o dobre de resistencia que pantallas da competencia dun material semellante, mentres que outras pantallas non resistentes racharían en case todos os casos.
A tecnoloxía Corning Gorilla Glass leva sendo un referente no mercado dende 2007, e con esta nova xeración de pantallas teremos unha boa protección ante o contacto con obxectos afiados (como as chaves no peto) e contra as caídas, evitando a meirande parte das causas de rotura dunha pantalla. Os fabricantes xa están a recibir pantallas con Gorilla Glass 4 para poder iniciar os procesos de integración nos seus produtos.


Vídeo no que presentan o novo sistema de probas empregado para as pantallas Corning Gorilla Glass 4

PUBLICIDADE