Presentan en Corea un navegador GPS con funcións multimedia e karaoke
venres, 29 de xuño do 2007
Os navegadores GPS son uns dispositivos que están a cobrar moito protagonismo no mercado por mor da popularización dos seus prezos, e cada día incorporan máis prestacións como a reprodución multimedia, que permiten tirar máis proveito dos aparellos instalados no automóbil.
Pero unha empresa coreana aínda quere incorporar novas características a estes dispositivos, presentando o iNavi G1, que inclúe unha grande pantalla de 7 polgadas e destaca por ter un modo de navegación 3D no que se simula o aspecto tridimensional de edificios, pero se esquecer a representación do ceo e as montañas, incrementado o realismo da navegación.
En funcións multimedia, o iNavi G1 tamén destaca, pois conta cun receptor de televisión (polo momento só compatible co sistema de TDT móbil surcoreano) que incluso se pode ver mentres se usa o navegador (grazas á función Picture-in-Picture), e tamén reproduce infinidade de ficheiros, que vai dende os MP3 e WMA ata AVI, MPEG e WMV, que se poden cargar tanto polo seu porto USB como con tarxetas SD.
O que pode sorprender tamén é que este navegador é o primeiro do mundo en incorporar funcións de karaoke, aínda que entendemos que tal función estaría dirixida ós acompañantes do condutor, pois ler as letras das cancións mentres se conduce podería supor unha ameaza para a seguridade viaria.