Presentan mandos con sensor de movemento para Xbox 360 e PS3

mércores, 25 de marzo do 2009 Marcus Fernández

En setembro comentamos que estaba en desenvolvemento o mando Gametrak Freedom, que levaría a experiencia de xogo do Wiimote á Xbox 360 e á PS3, e agora a compañía Performance Designed Products o anuncia oficialmente durante a Games Developers Conference, de xeito que este mando con control de movemento acada moita repercusión mediática, por poder facilitar o achegamento de usuarios ocasionais ás consolas de alta definición actuais, aínda que polo momento non se sabe de moitos xogos que vaian tirar proveito deste sistema de control (na GDC presentaron Squeeballs, prometendo un completo catálogo de xogos compatibles).
O Gametrak Freedom contaría con estéticas diferenciadas segundo a plataforma á que se oriente (sendo branco o modelo para Xbox 360 e negro o de PS3, integrando ambos os botóns axeitados para a consola na que se vai utilizar) e agárdase que cheguen ao mercado no outono, polo que o seu deseño final aínda podería cambiar lixeiramente.
Estes novos mandos utilizan unha serie de acelerómetros para detectar os seus movementos, en combinación cun sistema de posicionamento 3D por ultrasóns, o que prometen que daría unha precisión moi superior á do mando da Wii, aínda que para que este accesorio funcione deberá vir acompañado de xogos atractivos que permitan que a casualización das grandes consolas trunfe.

JPEG - 37.6 KB

PUBLICIDADE