Presentan novos modelos chineses do Redmi Note 9
xoves, 26 de novembro do 2020
Xiaomi presentou unha nova xeración dos seus móbiles de gama
media de referencia, os Redmi Note, que desta volta chegan en 3 versións
diferentes: o Redmi Note 9 4G (que destaca pola súa xenerosa batería de 6.000
mAh), o Redmi Note 9 5G (equipado cun procesador MediaTek) e o Redmi Note 9 Pro
5G (equipado cun procesador Qualcomm).
O Redmi Note 9 4G lembra en especificacións
(aínda que non en deseño) ao novo Poco
M3, xa que conta cun procesador Qualcomm Snapdragon 662, pantalla Full HD+
de 6,53 polgadas, cámara traseira tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles e
batería de 6.000 mAh con carga rápida de 18 watts. Véndese a 999 iuans (128
euros) na súa versión con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, a 1.099 iuans (140
euros) con 6 GB de RAM e a 1.299 iuans (166 euros) con 8 GB de RAM, ou sexa,
que incluso en prezos está na mesma liña do Poco M3.
O móbil máis equilibrado sería o Redmi
Note 9 5G, que tamén conta cunha pantalla Full HD+ de 6,53 polgadas, pero
desta volta a súa cámara frontal en vez de estar nunha pestana superior está
nunha perforación na parte superior esquerda. Aposta por un procesador MediaTek
Dimensity 800U, cámara traseira tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles e
batería de 5.000 mAh con carga rápida de 18 watts. Véndese a 1.299 iuans (166
euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, a 1.499 iuans (191 euros) con
8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, e a 1.699 iuans (217 euros) con 8 GB de
RAM e 256 GB de almacenamento interno.
Para usuarios máis esixentes chegaría o Redmi Note 9 Pro 5G, que pouco ten
que ver cos seus irmáns pequenos, xa que estamos ante un dispositivo co que apenas
comparten especificacións. Falamos dun smartphone cun procesador Qualcomm
Snapdragon 750G, pantalla Full HD+ de 6,67 polgadas, cámara traseira cuádrupla
cun sensor principal de 100 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles ubicada nun
orificio na parte superior central da pantalla e batería de 4.820 mAh con carga
rápida de 33 watts. Tamén podemos destacar que conta con NFC. Pese a estarmos
ante un móbil moi completo, parte dun prezo bastante contido, xa que o modelo
con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento véndese a 1.599 iuans (204 euros),
con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custaría 1.799 iuans (230 euros) e
con 8 GB de almacenamento e 256 GB de capacidade ten un prezo de 1.999 iuans (255
euros).
Queda por ver agora se estes novos modelos de smartphone chegarán a España, principalmente polo feito de que aquí xa temos un Redmi Note 9, un Redmi Note 9S e un Redmi Note 9 Pro, polo que os novos smartphones de Xiaomi terían que chegar con nomes totalmente diferentes.
- Os novos Redmi Note 9 de Xiaomi chegan un deseño renovado, que nos modelos 5G fanse notar pola disposición nun círculo das súas cámaras traseiras