Presentan os primeiros ordenadores VAIO alleos a Sony

martes, 1 de xullo do 2014 Marcus Fernández

JPEG - 20.6 KB
O VAIO Fit é o equipo máis tradicional do catálogo da VAIO Corporation

Ao igual que os ordenadores persoais coa marca IBM agora son un produto de Lenovo, Sony tamén se desprendeu da súa marca VAIO, que finalmente volve ao mercado a través doutro fabricante que responde ao nome de VAIO Corporation e que vén de presentar os seus primeiros equipos: o VAIO Fit e o VAIO Pro.
VAIO Corporation é unha compañía con menos de 240 empregados, que comeza a operar agora no Xapón (polo momento carecen de plans de internacionalización), conservando a marca de Sony e continuando a apostar por portátiles con deseño coidado que, de feito, son practicamente iguais aos portátiles que Sony puxo á venda o ano pasado.
O VAIO Fit é un portátil con pantalla de 15,5 polgadas Full HD (no modelo máis potente, existindo versión cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles), con procesador Intel Core i3/i5/i7, gráfica Intel HD 4400, 4/8 Gb de RAM (ampliable até 16 Gb), gravadora de DVD, Gigabit Ethernet, 2 portos USB 3.0, 2 portos USB 2.0 e sistema operativo Windows 7/8.1, que vén a ser un equipo bastante básico, en contraste co VAIO Pro, que chegan en tamaños de pantalla de 11,6 e 13,3 (Full HD), cun deseño delgado, procesadores Intel Core i3/i5/i7, gráfica Intel 4400, 4/8 Gb de RAM, almacenamento SSD de 128/256/512 Gb, 2 portos USB 3.0 e Windows 7/8.1, que buscan facerse un espazo entre o cada vez máis competitivo mercado dos ultrabooks.

JPEG - 28 KB
Os VAIO Pro optan por un deseño delgado e unidades de almacenamento SSD

PUBLICIDADE