Preséntase o LG V35 ThinQ
mércores, 30 de maio do 2018
Aínda
que en anos anteriores a presentación do smartphone insignia de LG (o Gx) e a
do smartphone premium da marca surcoreana (o Vx) estaban separadas por uns 6
meses, o adiamento na presentación
do LG G7 ThinQ até este mes tivo como consecuencia que se xuntou co anuncio
do LG
V35 ThinQ, do que xa sabemos moitos detalles, aínda que para velo nas
tendas teremos que agardar ao verán.
O LG V35 ThinQ será un novo smartphone de alta gama e grandes prestacións,
equipado cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 845, 6 GB de RAM, 64/128 GB
de almacenamento interno, pantalla OLED de 6 polgadas cunha resolución de 2.880
x 1.440 píxeles (e HDR10), un grosor de 7,3 milímetros e un peso de 157 gramos,
que tamén presume de protección Corning Gorilla Glass 5 e resistencia ao po e á
auga (IP68).
Seguindo a liña do LG G7, tamén inclúe unha cámara dúal traseira con sensores
de 16 Mpíxeles, un cunha apertura f/1.6 e un ángulo de visión estándar (71
graos) e outra cunha apertura f/1.9 e grande angular (107 graos), mentres que a
cámara frontal confórmase cun sensor de 8 Mpíxeles, unha apertura f/1.9 e un
ángulo de visión de 71 graos. Tamén inclúe tecnoloxía de intelixencia artificial
para facilitar a toma de fotografías, así como un modo de disparo en baixa
luminosidade que promete catro veces máis brillo que outras cámaras.
Unha vez máis LG tamén aposta por un bo son, de xeito que o LG V35 ThinQ goza
dun Quad DAC de alta fidelidade e DTS:X, nivel de excelencia sonora poucas
veces presente nun teléfono.
Este novo smartphone contará con Android 8.0, a súa batería de 3.300 mAh poderá
cargarse por USB-C (con Quick Charge 3.0 e carga sen fíos), inclúe conectividade
Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e NFC, e tampouco esquece lector de pegadas dixitais,
recoñecemento facial e radio FM.