Presidencia recibe o premio Computer World 2008 polo seu labor no eido dixital

mércores, 17 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

JPEG - 118.6 KB
A ferramenta eXunta, portal do departamento de Gómez Romero dende o que se achega unha boa parte do traballo desenvolvido a prol da cidadanía dixital.

A revista Computer World segue a recoñecer o labor da Xunta en materia de Administración Electrónica. Se o ano pasado falamos nesta mesma web do galardón entregado pola publicación ao CIXTEC da Consellería de Economía, agora é a quenda da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas (dependente da Consellería de Presidencia), que vén de ser obxecto da distinción polo seu compromiso a prol do afianzamento das canles dixitais no eido administrativo. O premio Computer World 2008 á Dirección Xeral foi entregado a pasada noite no transcurso da XIV Conferencia Internacional Computerworld, celebrada en Altea (Alacant).
Segundo indica a Xunta nun comunicado, o galardón, recollido no dito acto polo propio director xeral de Calidade (Juan José Gómez Romero), constitúe un gran recoñecemento internacional ao labor do Goberno galego no pulo da e-Administración, encamiñada a mellorar a calidade dos servizos públicos que reciben os cidadáns (máis áxiles, máis eficaces e menos suxeitos a desprazamentos).
Máis polo miúdo, sinala a Dirección Xeral de Calidade, valórase tamén o traballo para mellorar a efectividade na xestión, incrementar a transparencia, promover a participación cidadá e garantir un acceso amplo á información e aos servizos públicos. Segundo engade o órgano da Xunta, é precisamente nesta liña de mellorar os servizos onde se vai seguir situando o devandito departamento de Presidencia e, por extensión, todo o tecido do Goberno galego.

PUBLICIDADE