Prime Gaming celebra a chegada da segunda tempada de Os Aneis de Poder

martes, 27 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Esta semana chega a Prime Video a segunda tempada de Os Aneis de Poder, unha serie ambientada no universo do Señor dos Aneis que destaca, entre outras cousas, por estar dobrada ao galego. Para potenciar este lanzamento e convertelo en todo un fenómeno, dende Amazon tiveron a ben incorporar ao servizo Prime Gaming varios xogos baseados na franquía de J. R. R. Tolkien, que quen non os teña seguro que agradecerá.
O xogo máis importante que recibirán os subscritores de Prime, para poder incorporar á súa colección en GOG, é a edición Xogo do Ano de Sombras de Mordor, un dos mellores xogos de 2014, que aínda que teña os seus anos, continúa a estar moi vixente (aínda que cómpre indicar que xa estivo dentro de Prime Gaming hai un par de anos).
Outro xogo de GOG que se inclúe agora en Prime Gaming é LEGO The Lord of the Rings, título que xa conta cun título descritivo dabondo, pois trátase das aventuras do Señor dos Aneis narradas mediante figuras de LEGO, polo que temos un xogo para toda a familia que dificilmente decepcionará a ninguén.
Cómpre salientar que a través do streaming de Amazon Luna tamén podemos gozar da secuela de Sombras de Mordor, o magnífico Sombras de Guerra, que por desgrazas limita a súa dispoñibilidade até o 26 de setembro.
Lembremos que con Amazon Luna podemos gozar dos xogos directamente dende o navegador web, un dispositivo móbil, un televisor conectado ou incluso a través dun dispositivo Fire TV, tirando proveito da conexión á Rede e sen precisar de procesos de instalación, polo que é un xeito moi práctico de xogar ocasionalmente, que resulta especialmente accesible para os subscritores de Amazon Prime.