Primux Tech presenta un computador táctil all-in-one

mércores, 20 de setembro do 2017 Redacción

Primux Tech, fabricante de electrónica con sede na Tecnópole de Ourense, vén de presentar o seu primeiro computador táctil todo-en-un. O miolo do trebello, que está a piques de saír ao mercado cun prezo final de 299 euros, foi concibido no centro de Investigación e Desenvolvemento que a empresa ten no Parque Tecnolóxico de Galicia, a Tecnópole de Ourense.
Segundo explica Primux, os computadores todo-en-un son equipos de sobremesa que teñen integrada na carcasa da súa pantalla a integridade de circuítos que lle achegan operatividade. Isto en que se traduce a nivel funcional? Pois en ordenadores con pantalla, teclado e rato, xuntos e non separados, o que redunda nunha meirande comodidade á hora de carrexar o equipo dun recanto a outro da casa ou da oficia.
Segundo sinala Primux nun plano máis detallado, o modelo é “o primeiro deseñado en España que permite converter o ordenador nunha tableta cun simple xiro de man”, amais de contar cunha batería que permite usalo sen conexión eléctrica, dotada dunha autonomía de entre seis e sete horas en modo de reprodución de vídeos.
No que se refire ao plano tecnolóxico interno, a empresa galega suma de novo para este proxecto o apoio de dous xigantes do sector: Intel e Microsoft. Segundo explica Daniel Rodríguez, director executivo de Primux, o equipo «integra unha pantalla de 17,3 polgadas con gran resolución gráfica e soporta a instalación de discos duros sólidos de gran capacidade», que salienta tamén o deseño ultralixeiro e a resistencia dos materiais de fabricación.

PUBLICIDADE