Primux achega esta Nadal un novo e dinámico computador all in one

mércores, 26 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Primux Tech, o fabricante galego, quere poñernos as cousas doadas nos nosos dilemas clásicos de remate do ano: dilemas relativos aos agasallos tecnolóxicos máis acaídos para familiares ou amigos. Por este motivo, a empresa ourensá sorpréndenos co seu novo computador Primux Iox All in One 2301F, nas súas palabras “a elección tecnolóxica perfecta para este nadal”, en boa medida polas posibilidades (comodidade, utilidade, prestacións, prezo) que pon en xogo como ordenador todo-en-un.
O dispositivo en cuestión, versátil e de liñas elegantes, conta cunha pantalla de 24 polgadas (23,8 reais) sen marcos e con tecnoloxía IPS Full HD grao A+, o que ofrece, segundo Primux, “unha política estrita sen píxeles mortos durante os controis de calidade”, amais “dunha calidade de imaxe excepcional”.
Amais, o Iox All in One 2301F conta coa posibilidade de ampliar a súa memoria mediante un disco SSD ou disco duro de 2,5 polgadas até 1 TB, o que se engade aos 32 GB de almacenamento interno. Primux tamén salienta a unión da memoria RAM de 4GB cun procesador Intel Celeron N3350, o que posibilita ao dispositivo executar con eficiencia e rapidez todo tipo de procesos. Amais do devandito, o dispositivo tamén destaca coa inclusión da función multitarefa de Windows 10 (o que achega navegacións intuitivas e doadas, así como “unha experiencia web mellorada”), a conectividade Wi-Fi 802.11ac ou a presenza dun porto Gigabit Ethernet para “navegar a máxima velocidade e gozar de todos os contidos da web”.

PUBLICIDADE