Primux anuncia “o primeiro notebook deseñado en España”
luns, 18 de xaneiro do 2016
Chega
ao ámbito estatal o que sería, en palabras da empresa
desenvolvedora, o primeiro computador portátil ultralixeiro do
mercado español. Detrás desta novidade, o
Notebook 1401, atópase a compañía galega Primux, emprazada na
Tecnópole de Ourense, que
deu forma a este novo produto dende o seu centro propio de
Investigación e Desenvolvemento situado nas ditas instalacións do
Parque Tecnolóxico de Galicia. “Está
principalmente enfocado a uso educativo e doméstico e supón un
antes e un despois no campo da tecnoloxía en España porque é o
primeiro notebook
desenvolvido enteiramente aquí”, explica
Daniel Rodríguez,
director executivo
de Primux.
A
empresa galega contou coa axuda de Intel e Microsoft. “Trátase dun
computador portátil que achega unha fluidez de uso e navegación
excepcional grazas a un procesador a 1,84Ghz que se completa con 2GB
de memoria RAM”, detalla Rodríguez.
Asemade,
hai que salientar o seu deseño ultradelgado (20,2 milímetros de
grosor) e un peso aproximado de tan só 1.569 gramos, grazas a que
incorpora unha pantalla HD de 14,1 polgadas.
En
canto á conectividade e a capacidade de almacenamento, dicir que
conta cun porto USB 2.0, conexión Wi-Fi e Bluetooth e un porto Mini
HDMI para conectar televisores, cámaras fotográficas ou de vídeo.
Os seus 32 GB de almacenamento interno pódense ampliar cunha tarxeta
microSD até chegar aos 128 GB, polo que non require un disco duro
externo para amorear arquivos pesados. Amais, a súa batería de
10.000 mAh asegura unha autonomía de entre 6 e 8 horas sen
necesidade de carga, para as longas xornadas de traballo ou lecer.
O
Notebook trae cargados o paquete Office e o novo Windows 10, o
último sistema operativo de Microsoft. “Este sistema resulta moito
máis accesible e intuitivo que os seus antecesores, recupera o
coñecido botón de inicio e permite abrir varias áreas de traballo
con diferentes aplicacións para traballar en multitarefa de maneira
máis rápida e eficiente”, segundo o director executivo de Primux.
O
prezo deste computador é de 269 euros, dende agora está aberta a
reserva de unidades a través da tenda en liña, á espera da súa
posta á venda tamén en distribuidores oficiais nos vindeiros días.