Primux lanza a cuarta xeración dos Delta, os seus smartphones de prezo axustado

venres, 4 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

A galega Primux presentou esta semana novos aparellos de seu, un acontecemento que confirma a traxectoria ascendente da compañía emprazada en Ourense e os seus obxectivos máis que firmes de afianzarse nos mercados e competir cos grandes fabricantes (de feito, aínda temos presentes outras dúas presentacións recentes, por unha banda a do Primux Kappa e pola outra a dos Primux Zeta e Primux Beta). Pois ben, esta semana vimos como saían á luz dous novos e interesantes trebellos, o primeiro deles o Delta4, “a cuarta xeración do pequeno da familia de Primux”, unha nova achega que lonxe de perder o carácter propio dos Delta e a súa concepción orixinal, aínda os amosa con máis definición.
De feito, sinala Primux, ofrece todas as prestacións que un usuario medio pode demandar dun teléfono intelixente de última xeración de tamaño reducido pero a un prezo en grao sumo axustado. O Delta4 presenta unha pantalla IPS de 4 polgadas (101,60mm); un procesador Quad Core de 1,3 Ghz “que move con soltura calquera aplicación”; 1 XB de memoria RAM DDR3 e 4 XB de capacidade de almacenaxe interna, ampliábeis a 32 XB mediante tarxeta microSD. Tamén incorpora 3G, Wi-Fi/n de alta velocidade, Bluetooth 4.0, e sistema Dual SIM para albergar dúas liñas telefónicas independentes. Asemade, amosa cámara dupla de fotos, sendo a frontal de 1,3 mpx (pode usarse como webcam) e a traseira de 8mpx, incluíndo autofocus con tecnoloxía HDR e ZSD, ademais dunha batería de 1.400 mAh que, en palabras de Primux, outórgalle outorga unha excelente autonomía.
Informar tamén que o aparello presenta GPS interno, que actúa de xeito independente sen necesidade de depender a cobertura 3G e non consume datos. A maiores, engaden fontes da empresa galega, “instalando calquera aplicación de navegación, o Delta4 convértese nun auténtico navegador GPS e levaranos onde desexemos de forma rápida e segura”.
Polo que atinxe ao software, dispón de Android 4.4 Kit Kat, que é a última versión do sistema operativo Android. Segundo informa o fabricante, “este sistema optimiza ao máximo os recursos, a arquitectura e prestacións do Delta4 para unha maior rapidez nos procesos cun menor consumo de batería”.

PUBLICIDADE