Printeer, a impresora 3D deseñada para o seu uso por parte de escolares

luns, 16 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Printeer podería manexarse directamente dende un iPad

A impresión 3D é unha tecnoloxía emerxente que cada vez é máis asumible, tanto a nivel económico como en dificultade de uso, polo que dende Mission Street Manufacturing pensan que xa é a hora de achegala aos cativos, polo que lanzan un proxecto en KickStarter para facilitar a impresión 3D por parte de nenos e centros de ensino a través de Printeer, unha impresora 3D que permite realizar os deseños a plasmar directamente dende un iPad (funcionando tamén con modelos 3D creados con software de deseño tradicional).
Os responsables deste proxecto consideran que o iPad resulta moito máis cómodo para os rapaces que un PC, e incluso aseguran que un rapaz pode aprender a manexar a súa solución de impresión 3D en medio minuto, de xeito que só habería que facer un deseño en pantalla e logo premer no botón de imprimir para ver como o obxecto que desexemos pasa a ser realidade.
Pensando na súa instalación en centros educativos, e para evitar accidentes, Printeer está construída de xeito que evita o contacto con partes quentes ou en movemento, cunha parte extraíble para poder extraer comodamente as pezas finalizadas na impresora. Ao ter unha carcasa transparente, os nenos poden ver como funcionan os seus distintos elementos durante a impresión, e así entende como funciona esta complexa maquina de 406 x 305 x 229 milímetros e 5,5 quilos de peso que é capaz de criar figuras de ata 15 x 12,5 x 10 centímetros en plástico PLA.
O proxecto desta impresora 3D que pode manexarse sen fíos non busca unhas vendas iniciais masivas, de xeito que confórmanse en completar o seu financiamento para conseguir crear un produto comercial que os mecenas recibirían no mes de outubro de contribuír con 549 dólares (401,73 euros) aos que habería que engadir os gastos de envío. Tras completar esta fase do produto, agárdase que no mes de novembro Printeer poida converterse nun produto comercial que poida adquirirse con normalidade.

Printeer permite traer á realidade a creatividade dos cativos

PUBLICIDADE