Pro Evolution Soccer renova a súa marca

xoves, 13 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A franquía de xogos de fútbol de Konami, o Pro Evolution Soccer, leva anos perdendo a partida contra o FIFA de Electronic Arts, e sorprende ver como na súa vindeira entrega, que sairá á venda para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Steam) o 10 de setembro, opten por mudarlle o nome por eFootball PES 2020.
Aparte deste ridículo rebranding dende Konami confirman que Lionel Messi do F.C. Barcelona será o protagonista da carátula do xogo a nivel mundial, mentres que a icona Ronaldinho será o que figure na portada da Edición Leyenda. Tamén promocionan o xogo coa imaxe de Andrés Iniesta, centrocampista que tería inspirado a nova técnica de regate dinámico chamada Regate Sutil.
Aseguran que PES 2020 supón o comezo dunha nova década en tecnoloxía líder na simulación do fútbol, coa ambición de levar o eFootball a unha audiencia mundial (aínda que a marca elixida non sexa moi afortunada, xa que a palabra football non é precisamente global, de aí que a propia marca matriz empregase dende os seus comezos a palabra soccer para describir o seu deporte).
PES 2020 incluirá cambios no sistema de control, unha versión remasterizada da Liga Master, un novo modo chamado Matchday e unha revisión completa dos menús do xogo, ou sexa, que estamos ante unha renovación da imaxe desta saga que busca recuperar a atención do público.

Novo tráiler de eFootball PES 2020

PUBLICIDADE