Profesionais da informática e dos negocios do rural galego víronse as faces na Estrada

venres, 30 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Para un establecemento comercial calquera figurar en Internet é como ter a tempo completo unha liña telefónica aberta ao mundo. Ou unha xanela, ou unha ponte. E se cadra moito máis barata. Se isto dáse nos negocios situados nas cidades, pero as vantaxes son aínda máis grandes se pensamos nas empresas do rural. En certa maneira, poñer ao seu alcance a Rede é como turrar delas cara ao urbano, e sen necesidade de que muden de espazo físico e perdan a súa identidade. Este, e máis concretamente o emprego do comercio electrónico, foi o eixe sobre o que xiraron as V Xornadas de Emprendemento Rural, organizadas os días 28 e 29 no concello da Estrada, no hotel Summa.
A xuntanza, convocada por Agader, participou máis que nunca do gran obxectivo de calquera evento destes características: mover ao encontro e fomentar o intercambio de experiencias.
O esforzo neste senso de organizadores e participantes foi duplo: tratábase de facer un evento con feitura de Internet, minimizando o factor distancia e convertendo á Estrada nun foro 2.0. O encontro, ao que asistiron profesionais do ámbito rural e do eido informático procedentes de toda Galiza, serviu entre –outras cousas- para dar conta de proxectos e actividades e presentalos en sociedade. Como por exemplo:
· O portal granxafamiliar.com (na imaxe). Trátase dun proxecto (do que xa temos falado nesta mesma web) galego de inspiración irlandesa (polo que ten de traballar en mancomún dende o rural e tirando partido arreo da Internet) e no que participan unhas 30 explotacións familiares dos concellos de Antas de Ulla e Brión. Basicamente, a medida consiste en poñer ó alcance da man destas familias as vantaxes de xestión, promoción e distribución que achega Internet. Con este fin, cada granxa conta na dita web cun espazo para o seu uso, un microsite onde presentará os seus produtos concretos, ofrecendo servizos de información e a posibilidade de recibir visitas. Detrás do proxecto está a Fundación Feiraco (en labores de financiamento), o Grupo Gis-T-Idega e a Universidade de Santiago.
· Tourline Express, a empresa de mensaxeiría, afondou na súa visión das Necesidades loxísticas das tendas virtuais. É dicir: puxo de manifesto como o feito de apostar por facer negocio na Rede debe levar parello de xeito obrigado un bo servizo de distribución, e máis aínda se temos en conta que unha boa parte dos produtos comercializados son carretados en itinerarios non precisamente curtos: dende o rural á cidade, sobre todo. Juan Arrieta de Juan, director comercial da Zona Norte de Tourline, fixo fincapé na achega da súa empresa cara á dixitalización dos negocios galegos afastados dos espazos urbanos. A primeira parte do seu relatorio tratou sobre a complexidade da loxística de distribución, e a segunda sobre as solucións en concreto que a súa compañía (que ten prevista a apertura de 34 oficinas en toda España a engadir ás 334 existentes) achega neste tipo de negocios.

PUBLICIDADE