Project Spark estréase oficialmente para PC e Xbox One

martes, 7 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Tras medio ano en probas por fin ve a luz Project Spark, un desenvolvemento de Microsoft que pretende abrir unha porta á creatividade dos usuarios, e que dende hoxe podemos descargar de balde para Windows 8.1 e que tamén está a comezar a súa distribución para Xbox One (plataforma para a que incluso estará dispoñible unha edición física en tendas).
Project Spark é unha especie de creador de xogos, que inclúe ferramentas para esculpir deseños en tres dimensións e incluso conta cunha especie de linguaxe de programación visual, facendo que poidamos realizar mundos fantásticos nos que despois xogar, como demostraron o máis dun millón de persoas que accedeu á súa beta creando máis de 70.000 niveis de xogo en 4 millóns de horas.
Este título é free-to-play, podendo descargarse de balde, e que permite desbloquear contidos empregando os créditos que imos gañando no xogo ou pagando directamente con cartos reais para iso. De feito, a edición física do xogo consiste nunha versión do mesmo que nos EE.UU. véndese por 39,99 dólares e que inclúe contidos por valor de 85 dólares. En España veremos o xogo nas tendas a partires do vindeiro venres, a un prezo recomendado de 49,95 euros, aínda que é posible atopalo a prezos por debaixo dos 32 euros.
Dende Microsoft lembran que, aínda que estean xa a comercializar Project Spark, esta produción está lonxe de estar completa, e que aínda que se fixeron moitas modificacións tras a súa fase de probas, o título continuará a evolucionar nos vindeiros meses en función do uso que faga do mesmo a comunidade de usuarios.

Project Spark permítenos contruír os nosos propios niveis de xogo


Vídeo de presentación do Starter Pack de Project Spark

PUBLICIDADE