Propoñen o uso de prendas de vestir con protección para as novas tarxetas RFID/NFC

xoves, 18 de decembro do 2014 Marcus Fernández

A inqueda marca de roupa Betabrand na súa liña innovadora quere comercializar produtos aproveitando a paranoia pola seguridade dalgúns consumidores (que adoptan medidas tan extremas como aplicar unha pintura especial ás paredes para evitar que poida accederse á súa rede Wi-Fi dende o exterior), polo que anuncian que para primeiros dos ano que vén farán realidade un par de prendas de vestir sen precedentes: uns pantalóns vaqueiros e unha chaqueta que integran petos que bloquean as radiofrecuencias.
Cal é a intención destas prendas? Pois simplemente o que buscan é que as cada vez máis frecuentes tarxetas con tecnoloxía RFID e NFC (que van dende tarxetas de pagamento até pasaportes electrónicos) poidan estar protexidas de ataques, ante o temor de que poidan clonar as nosas tarxetas só con achegarse a nós cun dispositivo lector compatible con estas tecnoloxías sen fíos.
Para que estes produtos deseñados por Steven B. Wheeler teñan certa credibilidade contan co apoio da compañía de seguridade informática Norton Security, e aceptan xa reservas polos pantalóns a un prezo de 151,20 dólares (123,06 euros) e da chaqueta feminina a un prezo de 148,50 dólares (120,86 euros), prezos que supoñen un desconto, xa que realmente os que reserven os produtos están a participar nunha campaña de micromecenado para permitir que a súa fabricación sexa posible (o que no caso dos pantalóns xa está garantido).


Vídeo promocional destes novos produtos de Betabrand

PUBLICIDADE