Propoñen unha pinza para incorporar obxectivos ás cámaras dos nosos dispositivos móbiles

luns, 13 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Cada vez contamos nos nosos dispositivos móbil con máis posibilidades creativas para tomar fotografías e gravar vídeo, pero baseándonos habitualmente na óptica integrada no noso móbil ou tablet, o que agora queren cambiar cun novo proxecto que busca financiamento a través de Kickstarter, e que consiste nunha pinza que pode prenderse nun móbil, tablet ou incluso nun portátil para engadir un obxectivo ás súas cámaras. Estes obxectivos poden ser de grande angular/macro (que pode encargarse por a partir de 30 dólares) e de ollo de pez (a partir de 35 dólares), existindo distintas opcións de compra en función da cor da pinza e do número de unidades (por exemplo, o lote cos 2 tipos de obxectivo ten un prezo de 60 dólares). Os gastos de envío internacionais destes produtos serían de 15 dólares.
Esta curiosa solución responde ao nome de Mobi-Lens, e destaca fronte a outras solucións semellantes no feito de funcionar con case calquera trebello móbil do mercado, mentres que os seus competidores normalmente limítanse ao iPhone. Para que o proxecto pase a ser unha realidade precisa de xuntar 34.000 dólares (algo que parece máis que probable) de xeito que poderían remitirse aos seus compradores anticipados no mes de decembro. Os seus responsables tamén aseguran estar a traballar nunha versión destes obxectivos que permita facer fotografía a grande distancia.


Demostración do uso de Mobi-Lens

PUBLICIDADE