Psychonauts 2 busca financiamento para converterse en realidade en 2018

venres, 4 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Double Fine Productions parece terlle collido o gusto ao crowdfunding, e tras conseguir facer realidade Broken Age, o xenial Tim Schafer volve á carga buscando 3,3 millóns de dólares para facilitar a produción de Psychonauts 2, secuela do xogo de plataformas de 2005 que veu a luz para PC, Xbox e PS2, e que agora quere continuar en ordenadores con Windows, OS X e Linux e en consolas Xbox One e PlayStation 4, para o que precisarán anos de traballo (de feito, prevén que verá a luz no outono de 2018).
Dado que o xogo orixinal foi un grande éxito, con preto de 1,7 millóns de copias vendidas, non sorprende que a poucas horas de lanzar a campaña de micromecenado na plataforma Fig xa superase a terceira parte do seu obxectivo, polo que é de esperar que en breve supere a meta fixada, e xunte incluso unha cantidade bastante maior, o que agradecerá o estudio responsable do xogo, xa que a cantidade que están a recadar podería considerase simbólica, xa que no pasado Schafer orzamentara esta produción en 18 millóns de dólares (polo que resulta evidente que o crowdfunding non é a súa única fonte de financiamento).
A campaña de micromecenado é bastante accesible, xa que parte dos 10 dólares para conseguir unha copia dixital do Psychonauts orixinal para Windows, OS X e Linux, aínda que para poder facerse tamén co novo xogo a cantidade sería de 39 dólares, ás que habería que engadir 18 dólares se queremos engadir como recompensa as versións do xogo para PlayStation 4 e Xbox One.
Como vén a ser habitual neste tipo de campañas, tamén é posible facer achegas de grande peso, de xeito que incluso será posible aportar 10.000 dólares para poder ir de excursión (con acompañante) co equipo de desenvolvedores do xogo.

Vídeo promocional da campaña de micromecenado do xogo

PUBLICIDADE