Publicadas no DOG as axudas para a contratación de Internet no período 2011-2012

venres, 3 de xuño do 2011 Raquel Noya

Diciamos estes días en Código Cero (a conto do risco inminente de que millón e medio de fogares en España queden en situación de exclusión dixital), que en moitos países, Internet xa é considerado un “servizo básico” ao igual que pode ser a auga, a electricidade ou o gas.
Xa que logo, son moitas as Administracións (e a nosa é unha delas) que apostan por levar a cabo distintas iniciativas de apoio económico coas que rachar coa fenda dixital e levar Internet a cada recuncho dos seus lindes. Aquí, sen ir máis lonxe, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, vén de por en marcha un programa de axudas, para que as familias galegas con menos recursos económicos, poidan contratar a conexión a Internet nos seus fogares, tal e como recolle unha orde que publica o Diario Oficial de Galicia de hoxe.
Na mesma indícase que a Administración autonómica, “destinará no período 2011-2012 un investimento de 1.470.460 euros para a execución destas axudas, das que se poderán beneficiar preto de 8.200 familias, que por ter menos recursos non dispoñían de conexión a Internet no fogar”.

Beneficiarios das axudas

Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso. Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas.
Ademais, os posibles beneficiarios deberán contratar a conexión de Internet cunha das operadoras de telecomunicacións acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras.

Importe das axudas

O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40 por cento do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cota mensual será asumido pola entidade colaboradora.

PUBLICIDADE