Publican a listaxe dos títulos máis xogados de PS5 no seu primeiro ano

venres, 12 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que segue sen estar presente nos estantes das tendas por problemas de existencias, a PlayStation 5 celebra que xa leva un ano connosco. Estes meses estiveron cheos de grandes lanzamentos e coa vista posta en próximos títulos de grande peso (God of War Ragnarok, Gran Turismo 7 e Horizon Forbidden West), detallando dende Sony que a PS5 superou xa os 360 xogos, destacando que os PlayStation Studios traballan xa en máis de 25 novas producións.
Pero o máis curioso deste primeiro aniversario da PlayStation 5 é que aproveitaron para facer pública a listaxe dos 10 xogos máis xogados (en número de horas), e, curiosamente, predominan os títulos multiplataforma, cando normalmente entendemos que o público elixe consola en función dos seus títulos exclusivos.
Os dez títulos máis xogados de PlayStation 5 no seu primeiro ano foron, por esta orde:
– Fortnite
– Call of Duty: Black Ops Cold War
– FIFA 21
– NBA 2K21
– Assassin’s Creed Valhalla
– Destiny 2
– MLB The Show 21
– Marvel’s Spider-Man Miles Morales
– Demon’s Souls
– NBA 2K22

PUBLICIDADE