Puzzle Bobble convértese en xogo de realidade virtual

xoves, 20 de maio do 2021 Marcus Fernández

Bub e Bob están de volta, e dende hoxe pode mercarse por 19,99 euros o xogo Puzzle Bobble VR: Vacation Odyssey para cascos de realidade virtual Oculus Quest, o que supón a reformulación do clásico xogo das bólas para o seu goce en primeira persoa, o que pode lembrarnos á incursión dos Angry Birds na VR.
Este novo xogo desenvolvido por Survios e ofrece un cento de niveis no modo historia, nos que haberá que facer o mesmo que no xogo de recreativa: xuntar bólas da mesma cor para facelas esbourar.
Pero non só poderemos superar eses niveis, senón que conseguiremos unha puntuación en cada un, de xeito que son moi rexogables até conseguir unha puntuación perfecta. Tamén é posible xogar a este Puzzle Bobble nun modo infinito e incluso poderemos enfrontarnos a outros xogadores en liña.
Aparte dos personaxes, Puzzle Bobble VR: Vacation Odyssey tamén inclúe a música orixinal de Puzzle Bobble, xunto con temas compostos para a ocasión. Este lanzamento estaría enmarcado dentro da celebración do 35º aniversario do xogo Bubble Bobble, no que naceron os dragóns protagonistas desta franquía.

Tráiler de lanzamento de Puzzle Bobble VR: Vacation Odyssey

PUBLICIDADE