Qualcomm presenta a plataforma móbil Snapdragon 845

xoves, 7 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Qualcomm adianta o que será a plataforma Snapdragon 845, que en 2018 converterase no estándar nos smartphones de gama alta, e que suporá un desempeño un 25% maior que na xeración actual no que a procesador se refire, incorporando tamén melloras que facilitarán solucións de realidade virtual ou captura de vídeo en ultra alta definición con HDR.
Un dos elementos chave da nova plataforma é o modem LTE X20, que permite velocidades de descarga de até 1,2 Gbps, de xeito que superaría as ofertas comerciais de fibra óptica (aínda que en velocidade de subida o límite queda nun máis que solventes 150 Mbps), aínda que non serán poucos os consumidores que agradezan máis a introdución da tecnoloxía Quick Charge 4+ (capaz de completar o 50% da carga da batería do móbil en só 15 minutos).
De cara ao usuario tamén é moi importante a cámara, polo que agora Qualcomm fará uso do ISP Spectra 280, que será capaz de capturar até 60 imaxes por segundo de 16 Mpíxeles, disparar fotografías de 16 Mpíxeles con dobre cámara ou 32 Mpíxeles cunha única cámara, acelerar por hardware o recoñecemento facial, soportar sensores de profundidade e gravar vídeo con HDR ou incluso permitir capturar vídeo en cámara lenta até a 480 imaxes por segundo (a 720p).
Tamén pode salientarse que a nova plataforma poderá funcionar con pantallas 4K a 60 fotogramas por segundo e incluso con cascos de realidade virtual (con 2 pantallas de 2.400 x 2.400 píxeles a 120 imaxes por segundo). Non faltarán o soporte de Wi-Fi AD, Bluetooth 5 ou do codec de audio Aqstic.
En definitiva, un importante salto adiante que concretarase nos primeiros meses de 2018.

PUBLICIDADE