Qualcomm presenta a súa nova xeración de procesadores para móbiles

mércores, 1 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Qualcomm está a celebrar o seu cumio tecnolóxico anual para dar conta das novas tecnoloxías que achegará ao mercado nos vindeiros meses, destacando especialmente a nova plataforma móbil Snapdragon 8 Gen 1, que suporá o novo referente entre os dispositivos de alta gama, ofrecendo grandes melloras de rendemento (de até o 20% en CPU e 30% en GPU), en conectividade 5G e en soporte de cámaras, e que chegará acompañado por solucións para gamas media e baixa como serían os Snapdragon 7/5/4 Gen 1.
O fabricante de procesadores anunciou que antes do remate do ano veremos xa algún smartphone que estará equipado cun procesador Snapdragon 8 Gen 1, como poderían ser o Xiaomi 12 e o Realme GT2 Pro, aos que seguirán móbiles de compañías como Honor, Motorola, OnePlus, Oppo, Sharp, Sony, Vivo, ZTE...
Para unha boa conectividade estes procesadores contarán cun modem de radio Snapdragon X65 5G, capaz de conseguir velocidades de descarga de até 10 Gbps, ce tamén soportarán velocidades de descarga de até 3,6 Gbps a través de Wi-Fi 6 e Wi-Fi 6E.
Para as cámaras contará cun procesador de imaxe de 18 bits, que sería capaz de procesador até 3,2 Gigapíxeles por segundo, e permitiría a gravacións de vídeo 8K en HDR10+, o que sería todo un logro para dispositivos móbiles.
Tamén incorpora novidades importantes orientadas á intelixencia artificial (pensando moi especialmente na fotografía), nos videoxogos (cun importante salto de potencia a nivel gráfico), son (integrando Bluetooth 5.2 e a tecnoloxía Qualcomm aptX Lossless que permite reproducir música en calidade CD sen perdas) e seguridade (incluíndo tamén o soporte para tarxetas ISIM).

PUBLICIDADE