Qualcomm promete música en calidade de CD a través de Bluetooth

mércores, 1 de setembro do 2021 Marcus Fernández

No mes de maio servizos de música en streaming como Amazon Music e Apple Music subiron ao carro da música sen perda, o que no caso de Apple recibiuse con bastante estupor xa que a compañía da mazá leva anos eliminando os conectores de auriculares dos seus dispositivos móbiles apostando por auriculares sen fíos, e a tecnoloxía Bluetooth actual non permite a retransmisión de música sen compresión.
En vista desta situación dende Qualcomm reaccionaron desenvolvendo unha nova tecnoloxía sen fíos que pretende atender á demanda de son de alta resolución, o CD Lossless Bluetooth Audio, que permitirá a retransmisión de música a 16 bits e 44,1 KHz, integrando esta posibilidade na tecnoloxía aptX Adaptive e en Snapdragon Sound, de xeito que poderemos gozar de música en calidade CD mediante Bluetooth e incluso irían un pouco máis alá soportando audio a 24 bits e 48 KHz e incluso de 24 bits a 96 KHz.
Esta tecnoloxía de transmisión de audio sen perda só funcionará en conexións moi estables en contornos poucos saturados para evitar cortes, pero ofrecería unha transmisión perfecta da música sen comprimir, o que agradecerán certos melómanos, aínda que a meirande parte dos usuarios probablemente prefiran manter a compresión da música por non percibir a diferenza e así poder aforrar un elevadísimo consumo de datos (que tamén se traduce nun maior consumo enerxético).

PUBLICIDADE