Queen terá un Let’s Sing de seu

mércores, 29 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Hai preto de 12 anos do lanzamento de SingStar: Queen para PlayStation 2, e aínda que ese título tamén contou con versión para PlayStation 3, e os temas de Queen están tamén dispoñibles dentro de xogos como Rock Band, Ravenscourt e Voxler consideraron que era un bo momento para atender as ansias de cantar dos seareiros da banda de Freddie Mercury, polo que anuncian que 2 de outubro verá a luz para PS4 e Nintendo Switch o xogo Let’s Sing presents Queen.
Este novo xogo, que poderá mercarse por separado ou en lotes con micrófonos USB (aínda que tamén é posible empregar o móbil a xeito de micrófono a través dunha aplicación móbil) deixaranos cantar en solitario ou compartir o escenario con amigos en distintos modos de xogo que convidarannos a gozar de éxitos como Bohemian Rhapsody, Bicycle Race, We Will Rock You, Another One Bites The Dust, I Want To Break Free ou We Are The Champions, até un total de 30 grandes éxitos de Queen.

No novo Let’s Sing poderemos interpretar temas como I Want To Break Free

Let’s Sing presents Queen ten un modo de xogo clásico que consiste simplemente en conseguir as notas correctas para lograr as puntuacións máis altas, pero tamén inclúe modos máis orixinais como Feat. (que consiste en encaixar ben as voces dun par de xogadores), Concurso Mundial (para desafiar a outros xogadores en liña), Mix Tape 2.0 (que mestura dinamicamente a listaxe de cancións garantindo horas de diversión), Jukeboxk e Let’s Party (un desafío de 2 equipos de até 4 xogadores cada 1 con 1 micrófono por equipo).
O xogo por separado custará 39,99 euros, mentres que por 59,99 euros poderemos adquirilo con 2 micrófonos.

I Want It All é unha das cancións incluídas en Let’s Sing presents Queen

PUBLICIDADE