Quincemil programa unha serie de encontros tecnolóxicos na Coruña

xoves, 19 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

O diario dixital Quincemil vai desenvolver este ano unha serie de encontros tecnolóxicos na cidade da Coruña, concretamente no segundo andar do emblemático edificio do Cine París na rúa Real, espazo que servirá de punto de encontro para emprendedores, estudantes e outros interesados no sector tecnolóxico, sendo a primeira cita o vindeiro mércores ás 20:00 horas.
O primeiro Encontro Tecnolóxico Quincemil xirará ao redor dun relatorio do emprendedor Pablo Rodríguez González de Hack A Boss, quen compartirá cos presentes como construíu unha das empresas máis relevantes en formación tecnolóxica no ámbito nacional, e quen procurará explicar como funciona na súa empresa a semana laboral de 4 días, así como tamén dará resposta á dúbida de se é posible aprender programación aos 40 anos de idade.
Os interesados en acudir poden inscribirse a través de EventBrite, aínda que tamén será posible gozar do encontro en diferido a través dunha gravación en vídeo, contando tamén cunha ampla cobertura editorial e fotográfica para facilitan que esta serie de eventos poida converterse en referente dentro do ecosistema TIC galego, ao que tamén contribuirá que despois de cada charla se desenvolva unha sesión de networking.
Estes encontros contan coa colaboración de Startup Galicia e IGATA, e pretenden celebrarse todos os meses do ano (coa excepción do mes de agosto), estando xa confirmadas varias das vindeiras edicións:
– 15 de febreiro: relatorio de Emilio Froján, de motos Velca
– 15 de marzo: relatorio de Juan José Delgado, director xeral de MOVE Estrella Galicia Digital
– 19 de abril: relatorio de Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC
– Outubro: relatorio de Amparo Alonso Betanzaos, catedrática da UDC e responsable do grupo de investigación Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA)

PUBLICIDADE