R abre o seu servizo de televisión online para todas as persoas hospitalizadas

venres, 27 de marzo do 2020 Redacción

A operadora R achegou este venres un novo feixe de novidades relacionadas co estado de alarma e con iniciativas para mitigar o confinamento das familias. Ao abeiro deste obxectivo de facer máis levadía a reclusión, R abriu a TV Total no seu servizo TV Comigo co fin de que tanto os clientes como os non clientes que estes días están hospitalizados poidan acceder a, en palabras da operadora, “os mellores contidos televisión”. A través deste servizo poden gozar nos seus móbiles e tabletas de máis de 50 canles, milleiros de contidos baixo demanda e a posibilidade de facer gravacións para ver os contidos máis tarde.
O funcionamento é o mesmo que para os clientes de R: hai que descargarse a aplicación e loguearse. Tamén dispón de versión web.
A operadora lembra que esta proposta únese aos bonos de 30 GB gratuítos de datos móbiles, “pensados tamén para aquelas persoas que non dispoñen de rede Wi-Fi fixa ou teñen que traballar fóra de casa”, e á apertura de canles infantís, educativos e de cinema para todos os clientes con deco.
As ditas canles infantís son Panda, Disney Junior, Disney XD, Baby TV, Nick e Nick Jr.
Ademais, como “axuda ao público novo que está a estudar nas súas casas”, a operadora incorporou nas súas plataformas de vídeo baixo demanda o especial de Canle Historia con máis de 25 programas históricos.
Con estas medidas, R quere “facilitar o lecer ás familias”, xa que se constatou que nestes momentos “o consumo medio diario de televisión é de 5 horas diarias, isto é, un 31% máis do habitual”.

PUBLICIDADE