R conectará á súa rede un milleiro de domicilios e empresas de Guitiriz
martes, 7 de xullo do 2020
A
operadora R vén de facer reconto das
súas actuacións recentes no concello do Guitiriz, en Lugo,
destinadas a conectar online un número significativo de
fogares e negocios do termo municipal, achegándolles até 500 Mbps
simétricos. Os traballos no dito termo municipal da Terra Chá
permitiron que 850 residencias particulares e empresas poidan xa
gozar das redes de nova xeración da firma galega de
telecomunicacións, unha cifra que se incrementará con 150 unidades
máis en datas vindeiras, co que estariamos a falar dun total de
1.000 inmóbeis. A intervención de R consistiu no fornecemento de
fibra óptica de última xeración (tecnoloxía FTTH) e desenvolveuse
aproveitando “ao máximo” as infraestruturas do concello.
En
virtude dos traballos realizados, as ditas empresas e fogares poderán
recibir servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps
simétricos e televisión dixital multicanle de R.
Este
e outros despregues na provincia de Lugo forman parte dun dos tres
proxectos do Plan PEBA Avanza do Ministerio de Economía e Empresa
dos que R resultou adxudicataria en 2018 para habilitar, antes de
2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non
dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No
desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos
cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da
Unión Europea. En concreto, o despregamento en Guitiriz encádrase
no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162
núcleos do centro oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da
Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de
3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión
Europea.
Un
segundo proxecto inclúe o fornecemento de banda larga de nova
xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 154 núcleos de
municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e
oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de
2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€.
O
terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos
doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os
despregamentos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€,
cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.