R convértese en aceleradora de proxectos de emprendemento dixital

martes, 27 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A operador R presentou hoxe unha iniciativa para dar azos ás novas iniciativas de contidos dixitais: unha palestra para xerar emprego, fomentar o emprendemento, impulsar a innovación TIC galega e dar forma a mellores produtos e servizos. Estes son os grandes obxectivos da aceleradora Startups DiCo Challenge, que se vai desenvolver ao abeiro do programa DiCo Mindset da axencia autonómica AMTEGA, colaboradora do proxecto. A idea é que R sexa aceleradora, acubillo, lanzadeira, academia formativa e mesmo beneficiaria das achegas innovadoras. Buscarase, de feito, facer rendíbeis as propostas que xurdan de DiCo Challenge e atoparlles unha saída áxil e eficaz ao mercado, “mesmo con R como primeiro cliente”.
Segundo fixeron saber hoxe na Coruña R e máis AMTEGA, que presentaron a iniciativa en PALEXCO, o programa comezará co lanzamento de 5 retos tecnolóxicos, un deles patrocinado pola Televisión de Galicia (TVG), que nos vindeiros días poderanse consultar na web da aceleradora. Previamente, un comité de avaliación seleccionará 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda fase elixiranse os 5 proxectos definitivos.
Alfredo Ramos, director xeral de R salientou que o reto ao que se enfronta a operadora con esta palestra de innovación é “canalizar o talento e os proxectos innovadores, fomentar o emprendemento e que o sector poida aproveitar todo ese potencial para mellorar os seus produtos e servizos”.
Pola súa banda, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, salientou a importancia desta iniciativa do programa DiCo Mindset da Xunta, “coa que se procura primeiramente xerar emprego no sector, animar a emprededores e potenciar a innovación tecnolóxica en Galicia para fornecer un mercado en alza e competir a todos os niveis dentro e fóra da comunidade”.
Entre as temáticas de retos e proxectos, o abano de ámbitos de actuación será amplo. Na folla de ruta contémplase a inclusión de iniciativas de gaming, publicidade e mercadotecnia, novos contidos e experiencias, formación innovadora, realidade virtual e aumentada, modelos de negocio, Internet das Cousas (IoT) e Intelixencia Artificial (IA), contidos sociais, apps Android, seguridade e propiedade, contidos enriquecidos, distribución, audiovisual... etc.
Os proxectos que sexan finalmente elixidos para ser acelerados serán obxecto de sesións formativas a desenvolver durante varios meses. Ademais contarán con cadanseu mentor e coa axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Amais, os 5 retos seleccionados no programa Start Ups R_DiCo Challenge, que poderán utilizar o espazo Startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man coa operadora de cable galega e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio, recibindo adestramento permanente dos mentores e titores de R e beneficiándose do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón da compañía de cable durante este tempo.

PUBLICIDADE