R e a CEG fan un chamamento ás pemes para protexerse dos ciberataques

xoves, 2 de decembro do 2021 S. P.

A operadora R recuncou esta semana coas súas sesións de reflexión arredor das tecnoloxías de vangarda e as transformacións ás que debemos apuntarnos si ou si. Desta volta, a compañía organizou coa CEG (Círculo de Empresarios de Galicia) unha xornada sobre a relevancia da ciberseguridade en negocios medianos e pequenos. Desenvolveuse baixo o epígrafe Non esperes máis, dálle prioridade á túa seguridade dixital.
Baixo este título imperativo celebrouse esta mañá o novo almorzo de R que, en colaboración co CEG, centrouse en consellos imprescindíbeis para que empresas pequenas e medianas poidan garantir a continuidade dúas seus negocios.
José Manuel García, responsábel de servizos Cloud e de Ciberseguridade de R, pilotou o encontro cunha charla especializada dirixida ao centenar de responsábeis de empresas e profesionais do sector que acudiron á sede do Círculo en Vigo ou ben optaron por conectarse telematicamente. Neste evento de formato híbrido, o experto de R asegurou que para as pemes “o punto de partida debe ser, por forza, a aposta pola ciberseguridade de maneira transversal, a todos os niveis dentro da empresa”.
Amais, reflectiu estudos recentes que referendan esta urxencia de facer fincapé na protección tecnolóxica e que desvelan que 3 de cada 4 pequenas e/ou medianas empresas sufriu nalgún momento problemas de seguridade dixital. García subliñou que “a ciberseguridade xa non é unha opción para ningunha empresa, sexa do tamaño que sexa, senón unha prioridade (...) As pemes están, máis que nunca, no foco dos ciberataques”. De feito, dixo, este tipo de firmas son as máis vulnerábeis, as que sofren as consecuencias dun maior número de delitos cibernéticos a día de hoxe, en gran parte por mor da súa menor preparación e protección ata a data”.
O relator de R puxo tamén sobre a mesa as pautas e accións esenciais para “definir as mellores prácticas que se deben ter en conta nos negocios de face a afrontar ameazas” e explicou que “a maioría das veces, as barreiras das pemes para protexer a continuidade dos seus negocios están relacionadas co descoñecemento do tema, a falta de concienciación e compromiso por parte da dirección e o persoal ou o feito de ter unha percepción pouco fundamentada da gravidade dos ciberataques”. E engadiu: “É preciso tratar de incentivar e recompensar a seguridade en toda a organización, xa que o máis importante desta cadea segue sendo ou/a usuario/a”.

PUBLICIDADE