R incrementa a capacidade da súa rede na Costa da Morte e Bergantiños

mércores, 21 de abril do 2021 S. P.

Carballo foi obxecto de melloras recentes na súa rede

R fixo balance dos seus traballos desenvolvidos na Costa da Morte e Bergantiños para dotar aos concellos de fibra óptica e Internet de alta velocidade. Segundo fixo saber, aumentou a capacidade da súa rede en seis municipios (A Laracha, Carballo, Cee, Corcubión, Fisterra e Malpica de Bergantiños), instalando novos equipos nos principais de conexión, concretamente nos núcleos troncais de Carballo e Cee. Isto traduciuse nunha mellora nos servizos en máis de 23.500 fogares destas localidades.
As melloras tradúcense en maiores parámetros de capacidade e fortaleza para “responder máis áxil e eficazmente ao incremento na demanda de Internet e doutros servizos de telecomunicacións que se vén producindo dende o inicio da pandemia, hai xa un ano”. Así, o fortalecemento da rede amplía as posibilidades de atender do mellor xeito posíbel aos “novos aumentos do consumo de Internet, TV e telefonía que poidan producirse de agora en diante”.
Os traballos de mellora e aumento de capacidade da rede de R na área da Costa da Morte forman parte do “intenso traballo global desenvolvido” pola compañía galega nos últimos anos para optimizar a cobertura dos seus servizos no territorio galego. Esa inxente demanda levou á compañía galego a realizar un investimento de case 4,6 millóns de euros para ampliar e reforzar as capacidades da súa rede de fibra na comunidade galega.

PUBLICIDADE