R leva a súa fibra óptica avanzada a máis fogares e empresas de Pontedeume

luns, 25 de xaneiro do 2021 S. P.

A operadora galega R aumentou a cifra de fogares e negocios de Pontedeume con posibilidade de conectarse á súa fibra óptica FTTH (polas súas siglas en inglés, fibra até o fogar). Os habitantes dos núcleos das Pedridas, O Barro, San Cosme, A Gándara e O Seixo, xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet de até 500 Mbps e poden desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas destes lugares”.
Deste xeito, arredor de 160 novos fogares e negocios dos devanditos núcleos de Pontedeume quedaron xa preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R.
A maiores, R leva anos investindo no fornecemento de infraestruturas en Pontedeume, onde a día de hoxe xa dispoñen de cobertura das súas redes avanzadas outros 2.517 fogares e empresas do municipio.
Este e outros despregues na provincia da Coruña forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o subministro en Pontedeume encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo).

PUBLICIDADE