R mantén o patrocinio do equipo Celta Integra

martes, 14 de marzo do 2023 Redacción

O director da Fundación Celta, Germán Arteta e o director de R, Alfredo Ramos, posaron esta mañá xunto a membros do equipo e do corpo técnico do conxunto Celta Integra no Salón Rexio da sede do R.C.Celta en Vigo, para pór en escena o novo acordo de patrocinio rubricado polo operador galego e a entidade olívica. Así, R volve patrocinar oficialmente o Celta Integra, que xoga en LaLiga Genuine, competición de equipos formados por persoas do colectivo con discapacidade intelectual e organizada por LaLiga.
Arteta expresou na xuntanza o seu agradecemento a R pola súa “xenerosidade e apoio ao equipo Fundación Celta Integra. Esta colaboración axúdanos ano tras ano a mellorar as oportunidades do noso equipo e a súa calidade de vida, contribuíndo ao seu crecemento, progreso e mellora, ademais de ampliar a formación dos seus integrantes da man do fútbol, utilizando este deporte como ferramenta transversal para transmisión de valores. Asociarnos con R permítenos obter unha maior difusión e visibilidade do proxecto, algo fundamental á hora de seguir captando novos aliados. Podemos dicir que Celta Integra xa non só é un proxecto da Fundación senón que se transformou nunha realidade froito de todos quen nos axudan a seguir crecendo”.
Alfredo Ramos explicou que para R colaborar co Celta Integra “é unha das accións que nos fai sentir máis orgullo e satisfai como empresa, porque cremos que de verdade estamos contribuíndo, aínda que só sexa un pouco, á construción dunha sociedade máis solidaria e xusta”.

R, co equipo nos partidos

O operador R xa é patrocinador oficial do Celta Integra até o final da presente tempada 2022-23 de LaLiga Genuine: o logo de R estará presente no equipamento deportivo dos xogadores e do corpo técnico e figurará igualmente na web do equipo Celta Integra. Ademais, os xogadores do club vigués disputarán un partido amigable contra profesionais de R, entre outras accións incluídas no acordo.
Con este patrocinio, a Fundación Celta de Vigo e R poñen en común o interese de ambas as entidades por contribuír á mellora constante, o crecemento e a adaptación social do equipo e das persoas que o conforman. Do mesmo xeito, o operador galego mantén vixente neste acompañamento ao conxunto Celta Integra a súa inquietude pola colaboración social para contribuír á mellora de vida dos/das habitantes de Galicia a todos os niveis.

PUBLICIDADE