R, recoñecida pola Fundación Knowcosters pola súa transparencia fiscal

luns, 21 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

R, a operadora galega de telecomunicacións, será a primeira firma do seu sector que contará coa acreditación da pegada fiscal (HF polas súas siglas en castelán) da Fundación Knowcosters, o selo que certifica a transparencia e o compromiso en materia fiscal das entidades. Estes e outros datos foron dados a coñecer hoxe, durante a sinatura do acordo acadado entre R e a dita fundación. Na formalización da colaboración participaron José Armando Tellado, presidente de Knowcosters, e Alfredo Ramos, director comercial de R e do grupo Euskaltel.
Segundo informou Tellado, a pegada fiscal é un distintivo que informa de que as empresas pagan os seus impostos (IVE e Imposto de Sociedades) no lugar de orixe dos produtos que fabrican ou servizos que prestan, e a Fundación Knowcosters cédeo de balde co único requisito de que os datos achegados polas firmas solicitantes sexan veraces.
Tellado agradeceu a R a súa aposta por “unha sociedade onde prime o consumo informado”. Segundo engadiu, “é a primeira gran empresa do sector das telecomunicacións que certifica co noso selo a súa política de transparencia e compromiso cos consumidores, aos que dá a coñecer onde paga os seus impostos”.
Pola súa banda, Alfredo Ramos salientou que o uso da pegada fiscal confirma “a aposta de R pola transparencia e a sustentabilidade”.
En virtude do devandito acordo, R utilizará o selo HF e entrará a formar parte da listaxe de máis de 100 empresas que dispoñen deste distintivo, que xa teñen outras grandes firmas como Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa Food), que conta entre outras marcas con Central Lechera Asturiana, LARSA e Innova Food.

PUBLICIDADE