R quere dar cobertura na práctica totalidade dos concellos da nosa terra

venres, 6 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

R, operadora de cable de orixe galega, quere levar os servizos dixitais de telecomunicacións máis avanzados a todos os concellos da nosa terra, un obxectivo que, segundo informou a compañía, está preto de acadarse. Este despregue integral de fibra óptica no conxunto da xeografía galega será posíbel grazas ao novo plan da empresa para cubrir, coa súa rede, 151 novos concellos e arredor de 153.000 empresas e fogares nos que até o de agora R non tiña posibilidade de ofrecer produtos ou onde tiña limitado o acceso á conectividade mediante rede de fibra óptica.
Con estas novas incorporacións, R poderá dar servizo a preto de 1.200.000 fogares e empresas nos 290 municipios galegos que dispoñen de acceso a unha rede de fibra óptica, é dicir, “a práctica totalidade de municipios de Galicia”.
Este obxectivo comezará a fraguarse dende xa, ben a través da rede de seu, ben a través de tecnoloxías e redes de terceiros, grazas ao acordos para compartillar infraestruturas asinados recentemente con Orange e Telefónica.
A comunidade medra
Até o día de hoxe, 139 dos 314 municipios que existen en Galicia tiñan xa acceso á rede propia de
fibra óptica de R. A partir deste momento, hai que sumar a estas 139, outras 151 novas localidades
(preto de 153.000 fogares e empresas), que poderán ter acceso aos produtos e servizos de R, a
través da rede de fibra óptica.
Os clientes dos novos municipios terán acceso a 500 Mbps. de Internet, 30 GB de móbil e TV rebobina con deco 4K, por 19,9 euros ao mes.
Así, nos vindeiros días, as veciñas e veciños destas 151 localidades poderán xa acceder á oferta converxente completa do operador, que inclúe telefonía fixa e móbil, Internet de banda larga fixa e móbil, ademais de telefonía fixa con chamadas ilimitadas e televisión dixital. En concreto, os novos clientes terán á súa disposición acceso á que sería, en palabras da compañía, “a mellor e máis completa oferta do operador con 500 Mbps de Internet, 30 GB de móbil con chamadas ilimitadas e TV rebobina con decodificador Android 4K de alta definición, por 19,9 euros durante o primeiros seis meses contratando antes do 31 de marzo”.
Todo o que queremos saber, en R.gal
A información sobre o acceso á rede de R en novos municipios está dispoñíbel na web R.gal, onde se pode consultar o mapa de cobertura, así como nas tendas da operadora e no número 1445 de atención ao cliente. Amais, a compañía anunciou que o presentador da CRTVG Xosé Ramón Gayoso irá informando no seu espazo en vindeiras semanas de forma paulatina dos municipios aos que chega a fibra óptica de R.
“En R”, explica a dirección da empresa logo de anunciar estes importantes obxectivos de seu, “culminamos deste xeito o despregue da nosa rede e seguiremos apostando por ampliar as nosas infraestruturas de telecomunicacións de última xeración na totalidade das poboacións galegas, ben mediante rede propia, ben apoiándonos noutras redes para conseguir levar a conectividade a todos os fogares e empresas en todas as localidades de Galicia co obxectivo último de reducir a fenda dixital”.


PUBLICIDADE