RIM continúa a confiar nos seus tablets BlackBerry PlayBook

venres, 2 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Os tablets BlackBerry PlayBook non parecen estar a funcionar ben comercialmente

Research In Motion (RIM) anuncia que para o terceiro trimestre fiscal de 2012 vai facer unha provisión de aproximadamente 485 millóns de dólares en relación á valoración do seu inventario de tablets BlackBerry PlayBook, cantidade que na súa meirande parte non se correspondería a efectivo, o que indicaría que a compañía canadense está a ter serias dificultades para colocar no mercado o seu tablet, polo que a propia RIM estima que vai ter que incrementar a súa actividade comercial e adaptar o produto para a demanda do público (ao que esperan que contribúa a actualización á versión 2.0 do sistema operativo do PlayBook, que chegará en febreiro de 2012).
Actualmente RIM confía en que a adopción da plataforma baseada en QNX faga que clientes e empresas recuperen a confianza na compañía, e polo momento parece que os desenvolvedores e a prensa coinciden en tal criterio, por considerar que a renovación do contorno do ecosistema de aplicacións de BlackBerry pode ser o paso preciso para fornecer unha marca que continúa a ser líder no seu sector.
Ata o momento estímase que só se venderon uns 150.000 tablets BlackBerry PlayBook, pero nos vindeiros meses veremos promocións que fagan máis atractiva a súa adquisición, deixando claro que RIM non pensa tirar a toalla como HP co seu TouchPad, xa que consideran que “o mercado dos tablets aínda está na súa infancia”, de aí que aposten por continuar no mesmo para facerse un lugar nas súas aplicacións profesionais (algo que, por outra banda, non parece que estean a dar moita importancia dende Apple, que orienta o iPad a un uso persoal).

PUBLICIDADE