RIM presenta un terminal BlackBerry máis social

mércores, 9 de maio do 2012 Marcus Fernández

A canadense RIM anunciou hoxe o seu terminal BlackBerry Curve 9320, un novo smartphone orientado a usuarios activos social, que ofrece todas as características de mensaxería e redes sociais propias de BlackBerry, conectividade 3G e unha batería que permitiría que os usuarios puidesen estar todo o día conectados (a súa autonomía sería de ata 7 horas de conversa e 30 horas de reprodución musical con auriculares).
A vocación social do Curve 9320 resulta evidente na súa tecla dedicada ao BlackBerry Messenger, facilitando o acceso á plataforma social de RIM ao instante. Tamén integra sintonizador de radio FM, cámara con flash e gravación de vídeo e GPS.
Para facilitar a comunicación cos coñecidos, o novo terminal inclúe a nova aplicación Social Feeds 2.0 pre instalada, permitindo publicar en varias redes sociais á vez e capturar actualizacións dende distintas fontes RSS, aplicacións sociais e aplicacións de mensaxería instantánea de xeito unificado.
O novo smartphone de RIM opera con BlackBerry 7.1 OS e inclúe a posibilidade de compartir a súa conexión de banda larga móbil establecendo un punto de acceso Wi-Fi de ata 5 dispositivos.


Vídeo de presentación do móbil BlackBerry Curve 9320

PUBLICIDADE