Rainbow Islands rexurde na Xbox 360

mércores, 28 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O Bazar de Xbox LIVE Arcade recibe hoxe a Rainbow Islands: Towering Adventure, un remake do clásico de Taito que chegara ás máquinas recreativas coma secuela de Bubble Bobble, e que ten unha mecánica bastante orixinal, xa que é un título de plataformas na que o protagonista debe desprazarse verticalmente coa axuda de arcos da vella que pode crear para andar sobre os mesmos, pero que desaparecen aos poucos segundos.
O xogo transcorre en 10 áreas diferentes e conta con 4 modos de xogo, de xeito que podemos superar as distintas fase no Modo Historia, en Contrarreloxo ou en Desafío, existindo tamén un modo multixogador no que dous usuarios na mesma consola (con 2 mandos) poden competir por ver quen acada antes o seu obxectivo ou cooperar na súa misión.
Este xogo arcade xa conta cunha versión de demostración, de xeito que os interesados en adquirilo por 800 puntos (9,6 euros) poden botar antes unha ollada a este interesante título, para comprobar en primeira persoa se a adaptación deste clásico convence e resulta tan aditivo coma o título orixinal.

PUBLICIDADE